CON DJ COCÓN TODO É POSIBLE

Estivemos en Caldelas de Miño con David Malmstrom, un mozo do sur da Galiza de extraordinario talento, disposto a superar límites, convencido do poder que exerce a emoción musical sobre a máquina. É un claro exemplo de humanización radical dos recursos tecnolóxicos que pon ao seu servizo para expresar as emocións máis íntimas. David é un prestidixitador de sons contundentes, melódicos e altamente definidos que parecen trepar polas raices dun rock underground e enerxético. Comeza a súa andaina musical aos 16 anos e antes de pasarse a produción electrónica é vocalista de bandas como Ratas de Alcantarilla ou os Void, com os que ten actuado nas mellores salas da Galiza, na Capitol, A Iguana ou na Fábrica de Vigo. De físico vigoroso e estética case arxentina non é casual que este rapaz tivera formado tamén un grupo que tocaba versións arxentinas dos anos 80 chamado Rollo Isla. Pero gustaríame centrar esta entrevista nesa virada electrónica da sua carreira e sobre todo na mensaxe esperanzadora que transmite a tod@s aquel@s rapac@s que desexarían porse a producir música hoxe mesmo, vexamos:
Hola David... despois de tantos anos na escena do rock, cando e porqué comezaches a interesarte polas músicas electrónicas?
Hai máis ou menos 5 anos, e cando se estaba desfacendo Void, o ordenador permitiume seguir no mundo da música sen ter que depender de unha banda para expresarme e sen ter que ter estudado solfeo previamente. Foi máis que nada por comodidade, eu vía que o ordenador me daba máis rendimento que a propia banda. Son unha persoa mui colectivista, gosto muito de criar proxectos con máis persoas, sen embargo agora sinto a necesidade de dedicarme plenamente a isto, durante muitas horas, e ese contacto tan profundo coa música de momento só mo pode proporcionar o ordenador.
Despois de pasar un tempo contigo anímome a pensar que calquer persoa con ouvido musical, sentido do ritmo e muita dedicación, podería mañá mesmo comezar a producir músicas electrónicas. Que pensas desto? Que lle dirías a alguén que soñe con facerse Dj algun día? Con que ferramentas comezaches.. cal foi a inversión inicial, coñecimentos musicais, horas de traballo diario...?
Sí, efectivamente é preciso sentido musical e unhas pequenas nocións de informática. Eu fun sempre un autodidacta así que calquer persoa pode comezar da mesma forma en calquer momento. Cando comecei non coñecía Djs, non coñecía productoras, non existía coñecimento previo. Fun un músico autodidacta sempre, desde que tocaba o que eu tiña apodado como “after grounge” ata estes momentos. Na música electrónica partín de cero aos 32 anos, con unha inversión cero tamén. Hahaha, os meus programas eran piratas e o ordenador prestado. Contaba con un pequeno teclado MIDI. Comecei producindo música muito experimental inspirada no cinema. Non mezclaba e non dirixía a música cara o baile e a festa interminable, era umha experiencia muito máis intimista. Agora merquei un ordenata mellor hahaha, outro teclado e teño unha mesa de mezclas. Traballo con tres ou catro programas diferentes: Ableton Live, Reason, Cubase... Ableton é un programa mui intuitivo, ideal para min que sempre traballei muito por intuición....
E as horas de traballo?
Hehe... desde 6 horas ao día, agora a miña situación persoal permíteme dedicarlle tempo e hai veces que 8 e ata 10 horas....
Como se definen os teus sons na actualidade?
A música experimental que producía ao principio tornouse cada vez máis ligada ao house e ao electro, á música de baile. Pero á hora de pinchar o que máis me gusta e o techno. Creo que é o estilo máis eclíptico no mundo da electrónica, o que ten maior conteudo intelectual y e máis criativo. No techno reencontro todas as esencias musicais.
En que estás a traballar agora? Onde podemos escoitarte e encontrarte?
Sigo producindo e mezclando sesións para pinchar en locais. Actualmente traballo con Cristian Penelas nun proxecto de mezclas electro-house baixo o nome de DAVE CRISTIANSEN. Encima da base do Dj eu meto efectos, sintetizadores, bases rítmicas e voces en directo. Tocamos na Sala Mondo, Código de Varras, tocamos no Festival de Valarés, na Eira en Ponteceso e en varios locais do sur da Galiza. Vamos intentar ampliar a nosa base de actuacións a Portugal.
En canto á produción propia editei un disco chamado “Queer On Beats” que se pode escoitar en varias tendas dixitais como Beatport, Juno ou Amazon e en febrero do ano que ven quero lanzar dous singles mais.
Comentabas brevemente que intentariades con David Cristiansen ampliar o voso ámbito de actuacións en Portugal. Crees que a música electrónica ten soporte na Galiza? Sintes formar parte de unha tripulación de persoas que se apoian e difunden mutuamente?
Hai 7 anos máis ou menos nas grandes cidades galegas formouse unha cultura de clube muito importante pero vexo que a principios desta decada algo comezou a mudar e veuse todo en baixo. A xente non ten unha cultura forte de música electrónica. Estas músicas están perdendo peso nesas grandes cidades que che comentaba. Os locais só ponhen musica comercial, sempre a misma, a misma que escoitas nas radios, na TV, e este pop-pseudolatino-ultra-hetero... En Portugal a dinámica é completamente diferente. Creo que deberíamos aprender muito deles e a sua forma de entender os eventos musicais. Existe como unha fronteira mental entre eles e nós e eso inflúenos a hora de facer cousas xuntos e penso que estamos perdendo muito. Por outro lado, en referencia as nosas carencias, creo que o que fai falta aquí na Galiza, entre a xente que de verdade quere difundir a música electrónica, é deixar de buscar Djs de referencia fora e comezar a apoiar, promocionar e entender aos músicos que producen dentro do país.
Fálanos do dúo electro-poético Maus Vizinhos, creo que fostes finalistas en dous concursos na Galiza, non é?
Sí, sí... Maus Vizinhos foi un proxecto no que eu producía esa electrónica tan experimental da que falaba ao principio como base para textos poéticos, feitos por Nolím Gonzalez. Eu coñecía a Nolím desde había muitos anos, nunca souben que escribía poesía. Eu quería facer algo con voces, quería utilizar a voz coa música electrónica non para cantar de unha maneira convencional, nen canto, nen recital, algo diferente. Presentóuseme a ocasión perfeita cando descubrín que Nolím escribía, e os dous nos embarcamos neste proxecto apaixoante, terminando coa autoedición de un disco: “Gira Caindo”. Fomos presentándonos en locais sociais de Pontevedra e Ourense e mui emocionados acabamos finalistas nos concursos NSAIO Xeral 2009, unha iniciativa da Rede de Locais de Ensaio na que participaron mais de 100 bandas galegas e A Coruña Son 2009.
Recentemente Galizaelectrónica publicaba un artigo relacionado con a propiedade intelectual do autor e as descargas ilegais. Este interesante tema de debate de total actualidade está provocando unha reformulación absoluta do propio conceito de cultura. Que opinas?
O autor esta comezando a gañar mais por tocar que por vender discos.O autor musical factura mais por actuacións en directo que por venta de discos. A miña música é gratis para escoitar. Se tu queres ter esa música, tes a opción de comprala pero en principio escoitala é gratuito. A min interésame que a xente escoite gratis a miña música porque esto favorece a sua distribución. A música electrónica incorpora a máxima do movimento punk: “do it yourself” e xenera un movimento de persoas que teñen unha idea, gravan, producen y distribuen sós desde casa. Esta xente debe sacarlle rendimento ao que fan pero sen estar supeditados ás órdes de ningún selo discográfico. Eu rexistro a miña música e son eu quen decido o precio do meu traballo. Umha vez feito o rexistro, a música distribúese polas tendas dixitais indo para o selo só un 15% das ganancias, ao contrario que o que acontecía tradicionalmente con a repartición das ganancias da venta de algún produto cultural.
Cales son as túas expectativas?
En canto ás expectativas para este ano, estaría ben comenzar sendo seleccionado para pinchar no festival Non Parei 2010, que se celebrará en febrero en Bueu. Xá apresentei dúas sesión, unha como Dj e outra como productor, para o concurso que teñen aberto. Tamén seguir producindo temas propios e promocionarme como productor e Dj, tanto nas salas do país, como no resto do estado e Portugal, ou en calquera outro lugar da galaxia.
Dj Cocón, para rematar, que lle dirías aos leitores de galizaelectronica?
Diríalles que apoien este tipo de publicacións, tan escasas e necesarias no país, e que fagan un esforzo en apoiar máis ós productores e DJs galegos para poder definir desde aquí un movimiento propio, que interactúe coa xente de fora para crear redes sólidas onde poder escoitar a mellor música, e ter acceso á mellor información a cerca do movimiento electrónico mundial.
Muitas gracias David, despedímonos desexándoche desde Galizaelectrónica muita sorte con a edición do teu primeiro LP “Queer On Beats” neste ano que entra e lembrándovos a tod@s que podedes descargar sesións de Dj Cocón por medio de MEGAUPLOAD visitando esta páxina e descargando os archivos con os códigos que este eclíptico Dj deixa para vós no seu blogue de Myspace. Disfrutádeo viaxeir@s!!
www.myspace.com/ccoccon
www.myspace.com/davecristiansen
www.myspace.com/mausvizinhos





Yahoo
Googlize this
Facebook
Meneame
Chuza